Xurxo preséntase na xestoría de Carlos e ameaza con denuncialo. Tras discutir, decátanse de que están do mesmo lado e deciden colaborar para descubrir quen é Urco e que papel desempeñou na desaparición da cantante de Os Atlánticos. Pouco despois, Xurxo recibe unha chamada: é Laura, que non quere contarlle onde está e, entre saloucos, pídelle que deixe de intentar atopala e a esqueza para sempre.
Carlos atópase con Fran, que o convida a correr con el: síntese retado polo rapaz e acepta a invitación, pero o pique para demostrarlle a Silvia (e a el mesmo) que é capaz de competir pola moza traeralle “dolorosas” consecuencias.
Carme acorda facer de canguro do neto de Dorinda e da sobriña de Martínez. O que en principio parecía unha tarefa sinxela, acaba por converterse nun pesadelo. Cando se decata de que a cousa vaille supoñer un problema, decide chamar a Brais e cargalo a el co morto. A situación complícase cando os nenos desaparecen.
Lucio recibe a visita de Benito, un vello amigo de mocidade que, despois de percorrer medio mundo tocando nas mellores orquestras co seu saxofón, non ten para chegar a fin de mes. Benito pídelle cartos a Lucio para saír do apuro. Lucio, en principio, non parece disposto a axudar, pero as cousas non sempre son o que parecen.
Iván coñece a unha rapaza nun chat, Candy, coa que conecta dende o primeiro momento. Despois de pensalo moito decide quedar con ela en persoa. A súa sorpresa é total cando resulta ser Marta.
25/9/08
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Cóntame o que queiras