25/9/08

Cap. 13 - Revelacións

Silvia chega a casa e atopa a Fran e a Marta bicándose, unha situación preparada pola propia Marta para demostrarlle á súa amiga que non lle mentira. Silvia decide romper con seu mozo, reincorporarse a Os Atlánticos e retomar todo o que deixou atrás: a súa amizade con Marta e a súa relación con Carlos.

Xurxo regresa a Pontedenós moi confuso despois do seu paso por “Nuestra Gente”, o programa de testemuños, xa que non deixa de recibir mensaxes de persoas que sitúan a Laura en lugares moi diferentes de España.

Dorinda enfróntase á súa filla para saber cal é o motivo pólo que está a mentir, por que a votaron do traballo e por que Dani leva tanto tempo sen ir ó colexio. Charo derrúbase e confesa que ten problemas coas drogas.

Martínez obriga a Iván a que tome clases de contabilidade e decide contratar a Raquel coma profesora. Ela descobre unha paixón secreta na ensinanza e o significado da “erótica do poder”. Ademais, Iván recibe dúas ofertas: Martínez quere convertelo en encargado da tenda e, ó mesmo tempo, unha discográfica interésase polo seu traballo.

Carlos pasa a noite con Silvia pero, durante o primeiro almorzo xuntos, recibe unha chamada de telefono: Paula e Carme tiveron un accidente e están no hospital.

Marta decide falar con Xurxo e revelarlle os seus sentimentos. Cando se está sincerando, chaman á porta e Xurxo vai abrir...

Cap. 12 - Sen volta atrás

Fran acepta a oferta de traballo en Madrid e presiona a Silvia para que marche con el. Despois de pensalo moito, a rapaza decide aceptar a proposición e abandonar Pontedenós e “Os Atlánticos”. Carlos queda afundido coa nova, mentres que Marta decide pasar á acción e demostrarlle a Silvia que os sentimentos de Fran non son verdadeiros, xa que non está disposta a que a súa amiga estrague a vida con el.

Xurxo decide participar nun programa de testemuños, “Nuestra Gente”, para falar da desaparición de Laura e tratar de atopala.

Cando Os Atlánticos precisan substituír a Xurxo nunha actuación, Lucio pídelle a Carlos que lle deixe tocar en play-back porque quere volver sentir a paixón do escenario. Todo parece ir ben... ata que Brais toca a tecla equivocada.

Carme descobre accidentalmente que seus pais casaron porque Paula estaba embarazada dela. A partir dese momento, comeza a sentir que os seus pais estragaron a vida póla súa culpa.

Dorinda recibe a visita da súa filla, Charo, e do seu neto, Dani. Falando co neno descobre que leva semanas sen ir á escola e que Charo non ten traballo.

Cap. 11 - Como a roda do muíño

Marta cóntalle a Silvia que Fran tentou “liarse” con ela, pero a súa amiga non a cree e vai contrastar a información coa versión do mozo. El convéncea de que todo é un invento de Marta para amolalo. Carlos decide intervir en defensa de Marta, pero Silvia non atende a razóns e enfádase con dous.

Pola súa banda, a Fran acaban de darlle o traballo da súa vida, pero ten que irse a Madrid, así que lle pide a Silvia que marche con el para comezar unha nova vida xuntos.

Lucio ten un pitido nos oídos e dálle por pensar que se trata dun cancro. Vai ver ó médico e este dille que é algo sen importancia, pero a partir dese momento decide darlle a volta á súa vida e
comeza a realizar accións benéficas ata que ninguén en Pontedenós é quen de recoñecelo.

Xurxo recibe unha chamada de Barreiro: non está disposto a seguir adiante coas pescudas para atopar a Laura e abandona a investigación. Ó rapaz esgótanselle as vías para poder atopar a Laura e xa non sabe a quen recorrer, ata que por casualidade dá cun programa de TV no que axudan a atopar a xente.

A Iván rexéitanlle dende unha discográfica a súa maqueta e está afundido. Para animalo, o resto do grupo decide darlle unha sorpresa e incluír a súa canción no repertorio da orquestra.

Raquel recibe unha chamada de Urco na xestoría ofrecéndolle 100.000€ por destruír os documentos do ordenador de Laura. Ela non acepta e cóntallo a Carlos, que cada día que pasa está mais preocupado.

Cap. 10 - Rir por non chorar

Carme está preocupada polo ton ameazante da chamada que recibiu seu pai. Carlos tranquiliza á súa filla contándolle que se trata dun cliente da xestoría descontento e que non te importancia, pero Carme non termina de crelo e cóntalle todo á súa nai.

Carlos recibe unha chamada de Urco: quere os documentos que o comprometen e que están no ordenador de Laura. Carlos non accede a petición e Urco ameázao de novo.

Lucio e Brais propóñense como reto persoal facer rir a Raquel e proban con todos os recursos que se lles ocorren; pero Raquel é imperturbable… ata que Lucio decide convidala a cear.

Fran tenta ter unha aventura con Marta pero ela rexéitao e non sabe se contarllo ou non a Silvia. Vaille pedir consello a Carlos e el decide falar directamente con Fran, así que os dous terminan rifando. Despois de pensalo moito, Marta decide explicarlle a Silvia o que pasou.

Cap. 9 - Unha proposición indecente

Pepe, un importante promotor musical, visita un ensaio de Os Atlánticos e ofrécelles un importante contrato cun requisito: unha cita con Marta antes de pechar o acordo. En contra da opinión de todo o grupo, ela decide acudir á cita, pero tamén cun obxectivo claro: que Pepe non esqueza esa velada na súa vida...

Iván, Brais e Xurxo quedan para ver un partido de fútbol na casa dos rapaces. Silvia, que quere que o seu mozo encaixe cos seus amigos, pídelle a Iván que convide tamén a Fran, pero as cousas entre eles non van ir tan ben como a ela contaba.

Tano descobre por casualidade unha vella foto de Martínez co uniforme da Falanxe, así que a xa complicada relación pai - fillo vive un novo episodio de tensión.

Pola súa banda, Carme, co fin de provocar ó seu mozo, bica a Brais no medio da rúa e pronto se estende o rumor pola vila.

As pescudas da policía referidas á trama inmobiliaria continúan o seu curso. Cada vez o cerco estréitase máis sobre o negocio de Carlos, pero el non quere denunciar o caso á policía para protexer a Laura.

Mentres, na xestoría, Raquel comeza a recibir misteriosas chamadas. Carme colle na casa unha chamada na que un descoñecido ameaza ó seu pai.